Monday 13 de May de 2024

A Coruña promóvese en Burgos, Salamanca, Bilbao e San Sebastián con encontros gastronómicos para reforzar a súa imaxe como referente da cociña atlántica


O Consorcio de Turismo presenta, entre o 24 de febreiro e o 6 de marzo, a oferta turística da cidade da man de hoteleiros e cociñeiros coruñeses

O Consorcio de Turismo, que preside o tenente de alcalde de Emprego e Empresa, Luisa Cid, promoverá A Coruña como destino gastronómico de calidade en Burgos, Salamanca, Bilbao e San Sebastián, cidades onde organizará encontros e degustacións entre o 24 de febreiro e o 6 de marzo.
A iniciativa forma parte da estratexia deseñada por Turismo para difundir os atractivos da Coruña como referente da cociña atlántica, cunha materia prima excepcional e cociñeiros de primeiro nivel. Ambos os dous factores serán os protagonistas das presentacións que se celebrarán nestas catro cidades, encontros de traballo dirixidos ao sector turístico pero nos que, como en ocasións anteriores, o Consorcio de Turismo conta coa colaboración de membros do sector hoteleiro da cidade e de representantes da cociña coruñesa como a mellor carta de presentación da súa oferta.
Así, entre os membros da delegación coruñesa, presidida polo xerente de Turismo, José Paz, participan os xefes de cociña Pablo Gallego, do restaurante Pablo Gallego; Pablo Pizarro (Bocanegra),Silvia Facal (A Mundiña) e Chisco Jiménez (Culuca), todos eles cociñeiros de recoñecido prestixio que elaborarán pratos que enxalcen as bondades da cociña atlántica coruñesa. Así mesmo, en todos os eventos haberá unha actuación de Nova Galega de Danza.
Potenciar a desestacionalización da oferta turística da cidade e fomentar ao turismo familiar son outros dos obxectivos destas accións impulsadas polo Consorcio de Turismo, que arrancaron en novembro de 2014 con grande éxito con presentacións para profesionais do sector turístico en Asturias e Castela e León, tamén da man de hoteleiros e cociñeiros coruñeses.